Campaña de apoio ao documental “En todas as mans”

Documentario en todas as mans

Actualmente estamos recollendo fondos para a produción do documental En todas as mans!  “En todas as mans” é un proxecto documental sobre a realidade da xestión comunitaria dos montes en Galiza e Portugal. Un proxecto documental centrado nos montes veciñais. Forma de xestión única nos nosos territorios e que está a medio camiño entre as dúas formas de propiedade mais comúns, a pública e a privada. Para que vos fagades unha idea, só en Galicia esta figura representa 700.000 ha, preto do 25% da superficie galega.

Coa posta en marcha deste documental pretendemos facer visible esta figura de xestión do territorio, achegarnos as voces das persoas que traballan nos montes veciñais, facer unha reflexión colectiva sobre estes territorios e o seu futuro.

Para que todo isto sexa posible precisamos da vosa axuda! Estamos recollendo fondos en Verkami, unha plataforma colaborativa “crowdfunding” e precisamos recoller como mínimo 7.000 euros en menos de 40 días para que o proxecto sexa viable! Nesta páxina web tedes toda a información necesaria sobre o proxecto e como colaborar. Tamén se explican as recompensas que damos as vosas colaboracións!

Por favor colaborade co proxecto! Cada quen co que poida!

Moitas grazas!!

Anúncios

Un mar de saberes

Imagen1

Entre marzo e outubro de 2014, a cooperativa Trespés coordinou o proxecto “Un mar de saberes”. O obxectivo principal do proxecto era valorizar o patrimonio marítimo de Soutomaior, mostrando a riqueza do patrimonio natural, cultural e capital humano xerado nas actividades extractivas, achegándoo á cidadanía en xeral e prestando especial atención á comunidade escolar.

O proxecto “Un mar de saberes” partiu dunha concepción multifuncional do espazo marítimo, a utilización sustentable dos seus recursos, a diversificación ocupacional do sector e a aprendizaxe significativa e interactiva como ferramentas para achegarse ao mar en Soutomaior. Estas foron algunhas das actividades que a cooperativa levou a cabo no marco deste proxecto:

  • Estudo dos recursos marítimos do Concello de Soutomaior con susceptibilidade de ser explotados no ensino ou no sector turístico
  • Elaboración de material didáctico para o profesorado para a súa futura utilización nas aulas
  • Saídas didácticas cos colexios para a posta en práctica e en valor o material didáctico elaborado previamente.
  • Voluntariado ambiental. Xornadas de sensibilización ambiental e voluntariado ambiental no litoral
  • Exposición fotográfica sobre o mar realizada polo fotógrafo Rafa Estévez.
  • Creación de páxina web.

Estas actividades deron conta dos obxectivos marcados e incidiron na necesidade de valorizar o patrimonio marítimo e a actividade extractiva, ao tempo de establecer estratexias de conservación do entorno natural.

O proxecto “Un mar de saberes” estivo promovido polo Concello de Soutomaior e financiado polo Grupo de Acción Costeira 7.

Podes ter máis información sobre o proxecto ou consultar os materiais xerados na páxina web www.mardesaberes.com

Redondela e toponimia

Galicia preséntase como un país profundamente humanizado. Unha intensa ocupación do territorio ao longo dos séculos propiciou, entre outros factores, que todo teña un nome. Os montes, os ríos, as pedras, as leiras, as casas, os camiños, as voltas e as revoltas dos camiños. Un inmenso arquivo que fica na memoria da xente e que é importante recoller.

toponimia 2Dende o ano 2014 a Cooperativa Trespés ven recollendo topónimos para o Servizo de Normalización lingüística do Concello de Redondela. Polo de agora recolléronse topónimos en Saxamonde, Vilar, Cabeiro e Quintela. Os nomes dos lugares permiten salvagardar a vida deses lugares ao longo do tempo. Son o reflexo do cotiá dun espazo nun tempo determinado. Nos topónimos materialízase a identidade dun territorio.

toponimia 1

Vigo literario

O proxecto “Vigo literario” coordinado pola Cooperativa Trespés e promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo púxose en marcha no 2014. Este proxecto pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Un proxecto que dará a coñecer a propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas; que fará visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social; que amosará a presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas; que nos amosará a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra…

Vigo literario

Durante o ano 2014 Trespés desenvolveu varios obradoiros no Ensino secundario.

Por que non cantades todas. Proxecto audiovisual

Por que non cantades todas 1

A finais do ano 2013 a Cooperativa Trespés estivo gravando na serra do Candán en Zobra. O resultado foi a produción do documental “Por que non cantades todas”, un documental dirixido por Diana Toucedo que saíu a luz no ano 2014.

Este documental amósanos a relación coa música dun grupo de mulleres do lugar de Zobra na serra do Candán. A música como memoria, experiencia e convivio. A música coma ponte entre dúas realidades, o pasado e o presente.

Por que non cantades todas 2

Mar, Traballo e Patrimonio. Descobre a Enseada de San Simón

Entre decembro de 2012 e maio de 2013, Trespés coordinou o proxecto “Mar, traballo e patrimonio. Descobre a Enseada de San Simón”. O eixo fundamental do proxecto foi o de valorizar o patrimonio marítimo da Enseada entendido nun sentido amplo e abranguendo diversas esferas. Así, o proxecto achegou os recursos endóxenos relativos ao patrimonio natural-ambiental, cultural-industrial e ao capital humano dos sectores produtivos do mar á comunidade escolar, ao público en xeral ao tempo que estableceu accións para a conservación e mellora medio ambiental.

 Na proposta conxugáronse: 1) o marco natural dun espazo catalogado como LIC e pertencente á Rede Natura 2000; 2) a riqueza do seu patrimonio cultural, sobre todo industrial; 3) e a presenza activa do sector marisqueiro e pesqueiro. Esta concepción holística e multifuncional da Enseada de San Simón permitiu trasladar unha imaxe dinámica e actual da mesma.

 O proxecto estivo promovido polo Concello de Redondela e financiado polo Grupo de Acción Costeira 7.

As actividades que se levaron a cabo foron:

1. Saídas turísticas e elaboración de Unidades Didácticas

Trazáronse dous itinerarios terrestres (Rande-Cesantes e Vilaboa) e un marítimo (Enseada de San Simón) nos que participaron todo o alumnado de 3º e 4º da ESO dos IES de Redondela. Nos itinerarios tivemos a oportunidade de conversar cunha mariscadora, visitar Rande e o Meirande, coñecer as Salinas de Ulló, as praderías de ceba da Enseada ou os seus diferentes hábitats.

 Trespés 255_1728x1152Saída IES Chapela 3º ESO Trespés 037_1728x1152

Realizáronse tres Unidades didácticas dedicadas ao patrimonio industrial, patrimonio natural e á actividade pesqueira-marisqueira da Enseada. O material é de acceso libre.

2. Folleto turístico

 En base a riqueza patrimonial e extractiva da Enseada editouse un folleto guía para coñecer e recoñecer mellor a contorna.

Folleto enseada

3. Voluntariado Ambiental

 Vendo a necesidade de concienciación entre a poboación, organizáronse xornadas de voluntariado ambiental. O alumnado de 6º de primaria do CEP Santa Mariña atendeu as explicacións de Trespés para despois emprender sendas xornadas de limpeza do areal de Cesantes

Na praia de Rande organizouse unha xornada de limpeza en estreita colaboración coa AC de Rande

Lipdub Galicia Saxamonde 038_1728x1152 Maios 2013 140_1728x1152 Voluntariado Ambiental CEIP Sta Marinha_Trespés 181_1728x1152Voluntariado Ambiental CEIP Sta Marinha_Trespés 093_1728x1152

4. Xornadas de Patrimonio

 As xornadas, organizadas por aCitania, tiveron como obxectivo a presentación do patrimonio cultural de tipo industrial acochado na Enseada de San Simón e no Estreito de Rande, así como promocionar o Centro de Interpretación do Meirande.

IMG_6513_1728x1152

xornadas patrimonio

Nas xornadas participaron Xan Carmona, Eduardo Rolland, Xurxo Constenla e se presentou o video “A voz da conserveira” realizado por Cuchi Carreira e Trespés.

Dentro das xornadas realizouse unha visita-presentación do Centro de Interpretación do Meirande.

5. Páxina web

 Todo o proxecto tivo un seguimento puntual na páxina web aberta para tal fin.

www.martraballoepatrimonio.com

Presenza nos medios:

Saídas didácticas na prensa escrita

Reportaxe no programa A Revista da TVG

Unidades didácticas no Atlántico

Xornadas de Patrimonio no Faro de Vigo

Xornadas de Patrimonio en Redondelatv

Voluntariado Ambiental do CEP Santa Mariña

Voluntariado Ambiental en Radio Redondela

Voluntariado europeo e os ríos

No último trimestre de 2012, Trespés coordinou un proxecto de intercambio xuvenil do programa Xuventude en Acción da Unión Europea promovido polo Concello de Redondela. Baixo o título de “Concienciación da xuventude europea na conservación dos ríos”, mozos e mozas de Serbia, República Checa, Macedonia e Galiza tiveron a oportunidade de partillar, debater, propor e actuar sobre as máis importantes problemáticas que afectan aos ríos europeos.
Voluntariado Europeo Trespés
Redondela albergou durante 10 días do mes de setembro a todos estes mozos e mozas nun programa que incluíu o debate das principais problemáticas ambientais dos ríos europeos, a avaliación dun caso práctico, o río Fondón, o deseño de campañas de concienciación e a súa aplicación, a restauración de varios tramos do río e a elaboración dun manifesto de boas prácticas entre outras actividades.

Alén do traballo directo e indirecto sobre os ríos europeos, o programa permitiu o contacto entre realidades sociais e culturais distantes e contribuíu ao empoderamento dos e das participantes mediante a acción directa no territorio.

%d bloggers like this: