Un mar de saberes

Imagen1

Entre marzo e outubro de 2014, a cooperativa Trespés coordinou o proxecto “Un mar de saberes”. O obxectivo principal do proxecto era valorizar o patrimonio marítimo de Soutomaior, mostrando a riqueza do patrimonio natural, cultural e capital humano xerado nas actividades extractivas, achegándoo á cidadanía en xeral e prestando especial atención á comunidade escolar.

O proxecto “Un mar de saberes” partiu dunha concepción multifuncional do espazo marítimo, a utilización sustentable dos seus recursos, a diversificación ocupacional do sector e a aprendizaxe significativa e interactiva como ferramentas para achegarse ao mar en Soutomaior. Estas foron algunhas das actividades que a cooperativa levou a cabo no marco deste proxecto:

  • Estudo dos recursos marítimos do Concello de Soutomaior con susceptibilidade de ser explotados no ensino ou no sector turístico
  • Elaboración de material didáctico para o profesorado para a súa futura utilización nas aulas
  • Saídas didácticas cos colexios para a posta en práctica e en valor o material didáctico elaborado previamente.
  • Voluntariado ambiental. Xornadas de sensibilización ambiental e voluntariado ambiental no litoral
  • Exposición fotográfica sobre o mar realizada polo fotógrafo Rafa Estévez.
  • Creación de páxina web.

Estas actividades deron conta dos obxectivos marcados e incidiron na necesidade de valorizar o patrimonio marítimo e a actividade extractiva, ao tempo de establecer estratexias de conservación do entorno natural.

O proxecto “Un mar de saberes” estivo promovido polo Concello de Soutomaior e financiado polo Grupo de Acción Costeira 7.

Podes ter máis información sobre o proxecto ou consultar os materiais xerados na páxina web www.mardesaberes.com

Anúncios

Redondela e toponimia

Galicia preséntase como un país profundamente humanizado. Unha intensa ocupación do territorio ao longo dos séculos propiciou, entre outros factores, que todo teña un nome. Os montes, os ríos, as pedras, as leiras, as casas, os camiños, as voltas e as revoltas dos camiños. Un inmenso arquivo que fica na memoria da xente e que é importante recoller.

toponimia 2Dende o ano 2014 a Cooperativa Trespés ven recollendo topónimos para o Servizo de Normalización lingüística do Concello de Redondela. Polo de agora recolléronse topónimos en Saxamonde, Vilar, Cabeiro e Quintela. Os nomes dos lugares permiten salvagardar a vida deses lugares ao longo do tempo. Son o reflexo do cotiá dun espazo nun tempo determinado. Nos topónimos materialízase a identidade dun territorio.

toponimia 1

Vigo literario

O proxecto “Vigo literario” coordinado pola Cooperativa Trespés e promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo púxose en marcha no 2014. Este proxecto pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Un proxecto que dará a coñecer a propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas; que fará visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social; que amosará a presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas; que nos amosará a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra…

Vigo literario

Durante o ano 2014 Trespés desenvolveu varios obradoiros no Ensino secundario.

Agro e cooperativismo. Propostas e oportunidades

Ábrese o prazo de inscrición na xornada técnica sobre as potencialidades do sector agro-gandeiro na zona de Pazos de Borbén que a cooperativa Trespés organiza o próximo sábado 24 de marzo nesa localidade. O programa desta xornada contempla a participación de técnicos en desenvolvemento rural da Xunta de Galicia e da USC, así mesmo participarán diferentes experiencias xurdidas en Galicia vinculadas á produción hortícola, explotación gandeira e aproveitamentos da biomasa. Para poder participar na xornada débese realizar a inscrición no correo info@trespes.com ou no teléfono 986110045.

A celebración desta xornada inxírese no marco do proxecto de investigación sobre as potencialidades da actividade agro-gandeira en Pazos que desenvolveu nos últimos meses a cooperativa Trespés. O proxecto, cofinanciado pola Consellaría de Traballo e Benestar, ten como obxectivos a realización dun estudo que contempla a análise da situación e expectativas de futuro do sector agro-gandeiro, explorar a existencia de persoas interesadas na actividade agraria e promover a fórmula cooperativa. Estas xornadas pretenden mostrar casos prácticos de experiencias de producións agrícolas e gandeiras no contexto galego.

PROGRAMA DA XORNADA

9:30–9:45 Recollida de material
9:45–10:00 Proxecto “Cooperativismo agrario en Pazos de Borbén”
Paulo Jablonski. Cooperativa Trespés

10:00–10:45 O desenvolvemento rural na era da crise
Gonzalo Rodríguez. Dpto. de Economía Aplicada da USC e
experto en desenvolvemento local

10:45–11:30 Agro-gandaría en Galicia: da produción ao consumo
Carme Freire. Labrega. Secretaria Xeral do SLG

Debate 11:30–11:45

Café 11:45–12:15

12:15–13:00 Monte Cabalar: cooperativismo, gandaría e xestión territorial
Fuco Barreiro. Cooperativa Monte Cabalar

13:00–13:45 Programas de axudas da Axencia de Desenvolvemento Rural
Alfonso Ruano. Xefe da Área de Apoio de AGADER

Debate 13:45–14:00

Sesións Tarde

16:45–17:35 Produción Hortícola
A Hortinha da Ponte; a chamada da Terra.
Julio Morales. A hortinha da Ponte
A granxa familiar, produción e transformación
Fernando Sanesteban. Granxa A Curuxeira

17:35–18:30 Gando e Monte
Porco Celta. Redescubrindo as razas autóctonas
José Balboa Rodríguez. Presidente SAT Monte Oural
Xestión bio-sustentábel de residuos gandeiros, agrícolas e forestais
Sergio Quiroga. Director Técnico de Ecocelta

18:30 Conclusións e peche das xornadas

Encoros de Gouvães, Daivões e Alto Tâmega (Trás-os-Montes)

O Centro de Estudos Transdisciplinares para o Desenvolvimento (CETRAD) da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro contratou os servizos de Trespés Soc. Coop. Galega para participar na equipa de traballo que está a realizar o “Estudo do Impacto Económico, Social e Cultural do Aproveitamento Hidroeléctrico de Gouvães, Alto Tâmega e Daivões”. Trátase dos proxectos de construción de dous encoros no río Tâmega e un terceiro nos seus afluentes Torno e Louredo por parte da hidroeléctrica Iberdrola na rexión de Trás-os-Montes . Ler mais deste artigo

As familias da conserva

Vén de ser editado por Anfaco, baixo a coordinación do profesor Xoán Carmona, o libro colectivo” Las familias de la conserva: el sector de las conservas a través de sus sagas familiares”. Nel faise un percurso pola historia das principais sagas familiares vinculadas á industria conserveira. Para este proxecto, Trespés elaborou o capítulo dedicado a Conservas JOB, grupo que nos anos 30 iniciou a actividade da fábrica de conservas localizada na praia de Cesantes, hoxe propiedade da conserveira Rodríguez&Pascual.

Coa participación neste proxecto, Trespés mantén a súa liña de divulgación do patrimonio e a memoria industrial do ámbito da Enseada de San Simón.

Propostas criativas

Trespés Cooperativa somos unha equipa multidisciplinar con ampla experiencia na materialización de ideas


Manexamos a versatilidade como  ferramenta. Modelamos coa imaxinación. Construímos coa criatividade.

Abrimos esta xanela como canle de comunicación, onde mostrar as nosas propostas e proxectos. Saberás de nós, que facemos, como traballamos. Aquí, tamén, saberás cal pode ser o mellor xeito de colaborarmos xuntos.

Entra. Este é un espazo para…coñecermos, mudarmos, experimentarmos, transformarmos, imaxinarmos, colaborarmos,soñarmos,

Construírmos futuro

%d bloggers like this: