Propostas criativas

Trespés Cooperativa somos unha equipa multidisciplinar con ampla experiencia na materialización de ideas


Manexamos a versatilidade como  ferramenta. Modelamos coa imaxinación. Construímos coa criatividade.

Abrimos esta xanela como canle de comunicación, onde mostrar as nosas propostas e proxectos. Saberás de nós, que facemos, como traballamos. Aquí, tamén, saberás cal pode ser o mellor xeito de colaborarmos xuntos.

Entra. Este é un espazo para…coñecermos, mudarmos, experimentarmos, transformarmos, imaxinarmos, colaborarmos,soñarmos,

Construírmos futuro

Campaña de apoio ao documental “En todas as mans”

Documentario en todas as mans

Actualmente estamos recollendo fondos para a produción do documental En todas as mans!  “En todas as mans” é un proxecto documental sobre a realidade da xestión comunitaria dos montes en Galiza e Portugal. Un proxecto documental centrado nos montes veciñais. Forma de xestión única nos nosos territorios e que está a medio camiño entre as dúas formas de propiedade mais comúns, a pública e a privada. Para que vos fagades unha idea, só en Galicia esta figura representa 700.000 ha, preto do 25% da superficie galega.

Coa posta en marcha deste documental pretendemos facer visible esta figura de xestión do territorio, achegarnos as voces das persoas que traballan nos montes veciñais, facer unha reflexión colectiva sobre estes territorios e o seu futuro.

Para que todo isto sexa posible precisamos da vosa axuda! Estamos recollendo fondos en Verkami, unha plataforma colaborativa “crowdfunding” e precisamos recoller como mínimo 7.000 euros en menos de 40 días para que o proxecto sexa viable! Nesta páxina web tedes toda a información necesaria sobre o proxecto e como colaborar. Tamén se explican as recompensas que damos as vosas colaboracións!

Por favor colaborade co proxecto! Cada quen co que poida!

Moitas grazas!!

Rede SAL

Rede SAL

O proxecto REDE SAL xorde no 2014 coa finalidade de conectar aquelas experiencias de cooperativismo sen fins lucrativos existentes en Galiza. O proxecto foi promovido polas cooperativas Sen Ánimo de Lucro Cestola na Cachola, Cousas da Terra, Tempo de Loaira e Trespés.

Rede Sal aposta por ser un espazo-plataforma para intercooperar, aproveitar as redes, para facerse visíbeis. Un espazo para o encontro e o apoio mutuo das cooperativas que apostan por un modelo económico e laboral centrado nas persoas.

Rede Sal traballará na divulgación deste modelo, desenvolvendo propostas en común.

Máis información en: http://redesal.coop/web/

Un mar de saberes

Imagen1

Entre marzo e outubro de 2014, a cooperativa Trespés coordinou o proxecto “Un mar de saberes”. O obxectivo principal do proxecto era valorizar o patrimonio marítimo de Soutomaior, mostrando a riqueza do patrimonio natural, cultural e capital humano xerado nas actividades extractivas, achegándoo á cidadanía en xeral e prestando especial atención á comunidade escolar.

O proxecto “Un mar de saberes” partiu dunha concepción multifuncional do espazo marítimo, a utilización sustentable dos seus recursos, a diversificación ocupacional do sector e a aprendizaxe significativa e interactiva como ferramentas para achegarse ao mar en Soutomaior. Estas foron algunhas das actividades que a cooperativa levou a cabo no marco deste proxecto:

  • Estudo dos recursos marítimos do Concello de Soutomaior con susceptibilidade de ser explotados no ensino ou no sector turístico
  • Elaboración de material didáctico para o profesorado para a súa futura utilización nas aulas
  • Saídas didácticas cos colexios para a posta en práctica e en valor o material didáctico elaborado previamente.
  • Voluntariado ambiental. Xornadas de sensibilización ambiental e voluntariado ambiental no litoral
  • Exposición fotográfica sobre o mar realizada polo fotógrafo Rafa Estévez.
  • Creación de páxina web.

Estas actividades deron conta dos obxectivos marcados e incidiron na necesidade de valorizar o patrimonio marítimo e a actividade extractiva, ao tempo de establecer estratexias de conservación do entorno natural.

O proxecto “Un mar de saberes” estivo promovido polo Concello de Soutomaior e financiado polo Grupo de Acción Costeira 7.

Podes ter máis información sobre o proxecto ou consultar os materiais xerados na páxina web www.mardesaberes.com

Redondela e toponimia

Galicia preséntase como un país profundamente humanizado. Unha intensa ocupación do territorio ao longo dos séculos propiciou, entre outros factores, que todo teña un nome. Os montes, os ríos, as pedras, as leiras, as casas, os camiños, as voltas e as revoltas dos camiños. Un inmenso arquivo que fica na memoria da xente e que é importante recoller.

toponimia 2Dende o ano 2014 a Cooperativa Trespés ven recollendo topónimos para o Servizo de Normalización lingüística do Concello de Redondela. Polo de agora recolléronse topónimos en Saxamonde, Vilar, Cabeiro e Quintela. Os nomes dos lugares permiten salvagardar a vida deses lugares ao longo do tempo. Son o reflexo do cotiá dun espazo nun tempo determinado. Nos topónimos materialízase a identidade dun territorio.

toponimia 1

Vigo literario

O proxecto “Vigo literario” coordinado pola Cooperativa Trespés e promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo púxose en marcha no 2014. Este proxecto pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Un proxecto que dará a coñecer a propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas; que fará visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social; que amosará a presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas; que nos amosará a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra…

Vigo literario

Durante o ano 2014 Trespés desenvolveu varios obradoiros no Ensino secundario.

Por que non cantades todas. Proxecto audiovisual

Por que non cantades todas 1

A finais do ano 2013 a Cooperativa Trespés estivo gravando na serra do Candán en Zobra. O resultado foi a produción do documental “Por que non cantades todas”, un documental dirixido por Diana Toucedo que saíu a luz no ano 2014.

Este documental amósanos a relación coa música dun grupo de mulleres do lugar de Zobra na serra do Candán. A música como memoria, experiencia e convivio. A música coma ponte entre dúas realidades, o pasado e o presente.

Por que non cantades todas 2

Cooperative mobility

Cooperative mobility

No primeiro semestre de 2014 a cooperativa Trespés coordinou xunto con organizacións de Bélxica, Exipto e Macedonia o Proxecto Europeo “Cooperative mobility”. O obxectivo principal do proxecto era formar e informar á mocidade participante da existencia de alternativas de mobilidade autoxestionadas e de como eles mesmos podían participar no deseño e implantación destas alternativas de transporte nos seus territorios, contribuíndo co desenvolvemento sostible.

A metodoloxía para conseguilo foi práctica e participativa. Para isto, antes de realizar o seminario no que participaron 21 mozos e mozas dos distintos países. Fixéronse traballos de documentación previa sobre: políticas de mobilidade, vantaxes e inconvenientes do transporte público e privado/ individual e colectivo, iniciativas interesantes de transporte alternativo, etc.

Xa, durante o seminario realizáronse distintas actividades teóricas e prácticas relacionadas coa mobilidade. Entre outras actividades os e as participantes:

  • Explicaron a realidade urbanística e de mobilidade do seu país.
  • Puxeron en común os temas previos traballados antes da visita.
  • Realizaron unha actividade práctica dirixida a por en práctica a formación recibida. Para isto deseñaron alternativas de mobilidade sostible para Redondela.
  • Organizaron charlas ou debates sobre mobilidade coa cidadanía
  • Presentaron a súa cultura e tradicións.

Trala visita de traballo, a mocidade continuou coa promoción e o deseño de alternativas de transporte sostibles nos seus territorios.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.

Junte-se a 29 outros seguidores

%d bloggers like this: